viernes, 2 de diciembre de 2016

Recensión: Era por setembro

Ola!, que tal? Hoxe veño con unha recensión diferente. Diferente porque a fago en galego, non por outra cousa. O afortunado deste día é Era por setembro de Xavier Quiroga. Como sempre acabo dando máis voltas que a agulla dun reloxo vou comezar xa :)





  • Título: Era por setembro
  • Autor: Xabier Quiroga
  • Precio: 16.65 
  • Editorial: Xerais
  • Año: 2004
  • Páginas: 176



  • SINOPSE

    Aldara, a recente ministra do goberno de esquerdas, regresa a súa vila natal para asistir a un enterro dun dos seus seres queridos. Durante a súa precipitada viaxe, rememora o que sucedeu alí hai trinta anos, coincidindo co inicio da súa adolescencia. Foi o encontro coa figura de don Manuel -o primeiro amor da súa nai- e os conflitos co seu pai, motivados pola súa amizade con este escritor condenado á soidade e vixilado polos seguidores do réxime, os acontecementos decisivos que levarán a Aldara a perder definitivamente a inocencia e a descubrir que non hai razóns para ter medo de encarar a vida sempre que salvemos os ideais. 

    A MIÑA OPINIÓN (SEN “SPOILERS”)

    Desta recensión saco a conclusión de que teño que ler máis en galego. Que, a pesar de ser unha lingua que me parece fermosa, acáboa esquecendo sempre e limítome a ler libros en castelán (algo moi triste, a verdade)… Propoñereime como obxectivo ler máis en galego, prométoo.
    Por que lin esta novela? Pois porque era o libro de lectura obrigatoria de galego e, aínda que non tiña moitas expectativas, foi un libro que rematou por gustarme. Voume deixar de tanta leria e intentarei ir ao meollo do asunto…

    A historia preséntanos a unha Aldara adulta que rememora as súas vivencias como adolescente e o seu paso dende a infancia cara á vida adulta. Reflicte, tamén, algúns dos seus medos, reflexións sobre a vida… cuestións que todos, nalgún momento, nos preguntamos.
    Con esta trama de contexto, esta novela pon temas por enriba da mesa que nos deixan reflexionando. Temas como o franquismo, o machismo, o alcolismo, os estereotipos e os prexuízos son tratados en diferentes ocasións ao longo da obra.

    A historia preséntanos uns personaxes ben construídos, realistas e cribles. Destaca a personalidade da protagonista que, a pesar de vivir nunha sociedade moi influída polas ideas franquistas, de ver de preto a violencia de xénero… ten unha mentalidade completamente aberta e disposta a non conformarse cunha resposta banal e sen argumentos. Ademais, os personaxes tamén axudan a reflectir a mentalidade do momento. A familia de Aldara é un claro exemplo. Luís, o pai, que é claramente de dereitas. A favor das ideas do franquismo e dos ideais dunha sociedade que defende a superioridade do home, actúa e mostra un comportamento conservador. Unha persoa que ten que ter probas absolutas e irrefutables para crer algo, duro e estrito e que ten por sinónimo a palabra educar por impoñer os seus ideais. A nai, aínda que se sobreentenda que é máis liberal, nunca dá a súa opinión, polo menos, non diante do seu marido. Tampouco se queixa da súa situación na casa, acepta submisa os malos tratos e non se defende. Unha muller que quedou marcada pola súa xuventude, quizais arrepentida por non ter feito outras cousas da súa vida.
     
    Os temas tratados dunha maneira diferente, a fluídez do libro, o ritmo áxil e a sinxeleza son das cousas que máis me gustaron da obra. Tamén me gustou moito a personaxe de Manuel como medio para facernos pensar sobre a vida, o paso do tempo, os estereotipos, a resistencia… Así mesmo, o autor soubo poñerse na pel dunha adolescente que nos narra as preocupacións típicas desta idade en primeira persoa, na miña opinión, algo bastante complicado.

    Pola contra, paréceme que, aínda que o ritmo da novela é áxil, o comezo é algo lento, un pouco discorde co resto da composición. Igualmente, paréceme orixinal que a obra se narre en dous tempos, pero penso que non son moi relevantes as contribucións que lle dan á historia. Nada que un epílogo non poida solucionar.

    En resumo: Era por setembro é unha novela de tese que nos fai pensar nunha actitude crítica sobre os estereotipos, a violencia, o franquismo… Unha obra diferente, a pesar de ambientarse nunha época que se emprega bastante como contexto literario, que nos fai ver a rápida maduración da protagonista ante unhas situacións tan complicadas (quizais un disfrace literario para falar das propias vivencias do autor). Unha historia que tamén ten os seus momentos emotivos e que nos pode facer saltar algunha que outra bágoa aos máis sentimentais.

    A MIÑA VALORACIÓN




    E aquí van as preguntas de sempre:
      - Se listes o libro: que opinades?, destacariades algo máis?...
      - Se non listes o libro: ¿apetécevos lelo?, que opinades?


    Graciñas por pasarvos por aquí^^. Espérovos na próxima entrada. Un biquiño :33

    2 comentarios:

    1. ¡Hola! Te he nominado al "Best Blog Award", si quieres participar puedes encontrar todo aquí: https://martazurera.blogspot.com.es/2016/12/book-tag-best-blog-award.html#more
      ¡Espero que te animes! Un abrazo fuerte.

      ResponderEliminar
      Respuestas
      1. ¡Hola!
        Muchísimas gracias por nominarme^^ Espero hacerlo pronto...
        Un besazoo :33

        Eliminar