Ola!, que tal? Xa vos dixen que a de Era por setembro non ía ser a única recensión que fixese en galego... E eu son de cumplir palabra. Hoxe o libro afortunado é, nin máis nin menos que, Resistencia de Rosa Aneiros. Comecemos!
SINOPSE
Resistencia é unha novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer, fermosa e memorable; toda unha singradura a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio. Para os protagonistas, a militancia política non foi unha opción, senón unha esixencia, e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia. Dinís, un obreiro da fábrica de vidro Irmãos Stephen, e Filipa, filla dun rico comerciante de Coímbra, namoraron perdidamente sen calibrar as consecuencias. O Pinhal do Rei, no oeste portugués, converteuse no testemuño da vida. Pero ninguén pode escapar aos designios do tempo e a vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis.
A MIÑA OPINIÓN
Vergonza debería darme que a escusa para subir outra entrada en galego volva ser unha lectura obrigatoria... Pero, aínda sendo obrigatoria ou non, Resistencia é un libro que verdadeiramente merece a pena. Queredes saber por que? Continuade coa lectura...
A novela emprega dous personaxes principais, Dinís e Filipa, para debuxarnos unha trama completa e emotiva ambientada na ditadura portuguesa do século pasado. Unha historia de amor e tamén de loita e resistencia contra un réxime totalitario e inxusto co que moitos estaban en desacordo.
Este libro fai que reflexionemos sobre temas tan interesantes como o absolutismo do poder, as inxustizas da vida, o paso do tempo, as dificultades ás que nos afrontamos, a loita polos nosos ideais, o amor... Isto ocasiona que o libro non semelle baleiro, sen significado, intrascendente e que, ademais, é útil para descubrir a historia portuguesa.
A obra preséntanos unha gran variedade de personaxes, todos perfectamente construídos, complexos e verosímiles. Son tan diferentes e están tan ben desenvolvidos que se fai case imposible destacar algún, todos o fan. Por exemplo, podemos nomear a Dinís, un dos protagonistas da historia, un home que loita polo que quere, observador e crítico con todo o que lle parece inxusto. O seu carácter pode vir definido pola mestura de situacións á que foi destinado a vivir. Froito dun amor verdadeiro
máis coñecido pola sociedade que o rodea como unha aventura, Dinís pasa a súa infancia sen complicacións. É cando empeza a madurar cando as cousas se comezan a tornar difíciles para el. Dende o seu alistamento para ir á guerra, feito que tras unha serie de circunstancias o marca de por vida, ata a súa resistencia, o seu apresamento, a súa estancia en Peniche... Digamos que para el a existencia non foi doada e, ademais, cando non quería, precisamente, destacar nin ser un heroe. Pero, aínda así, esta figura pensa que a súa difícil vida tivo sentido grazas a Filipa, a outra protagonista da historia. Mais paréceme que, aínda que Filipa é un personaxe moi destacable, salienta máis a súa familia paterna, tanto Leonor como Rui. Leonor foi a víctima das letras, a que viviu nun loito continuo (primeiro pola emigración do seu marido, a súa morte, o falecemento da súa filla, a emigración do seu fillo e da súa neta a Brasil, o apresamento de Dinís, ao que xa lle fora collendo cariño...),
pero que foi unha figura clave para o desenvolvemento da historia. Ao seu fillo Rui tamén lle tocou o seu, quedando moi marcado tras o suicidio da súa irmá. Cando pensaba que nada podería ir peor coñece a Inés, que lle devolve certa felicidade, e máis cando trae ao mundo a Filipa. Mais Rui volverá ao sufrimento coas continuas enfermidades da súa esposa, a súa posterior morte, a obrigada emigración á que se tivo que expoñer coa súa filla... Ata no momento da súa morte tivo que morrer alonxado da casa, nostálxico da súa terra: Portugal. Podemos afirmar que para esta familia non foi todo un camiño de rosas... Quedan moitos nomes no tinteiro: Isaura e António, personaxes tamén moi destacables, Miguel da Silva, André, o Antoninho... pero isto faríase eterno.
O que máis me gustou foi, sen dúbida, o estilo da autora. Esa prosa case poética de contar as cousas fai que a narración se embeleza. Aínda que costa un pouco chegar a acostumarse a el, unha vez que o fas é cando realmente o aprecias. Tamén sobresae o final, tremendamente aberto. Cando rematei o libro quedei ollando a parede, sen palabras e, teño que confesalo, cos ollos algo húmidos. Ao principio non aceptaba a idea dun remate tan inconcluso, que deixa todo á imaxinación; porén, creo que me acabou gustando, a pesar do disgusto inicial.
O único pero que lle atopei á novela é que o comezo é bastante lento. Ao non estar habituados ao estilo da autora, o ritmo de lectura tórnase bastante pesado, pero cando te afás a el, o problema está solucionado.
En resumo: Resistencia é unha novela histórica que nos fai reflexionar sobre o absolutismo do poder, as dificultades da vida, o espírito da resistencia..., que nos anima a loitar polos nosos ideais e polo que cremos que é inxusto. Cunha historia moi ben construída, sen incoherencias, pero sen chegar a ser impersoal (o romance apórtalle certa calidez a unha historia tan cruda). Dádelle unha oportunidade!
A MIÑA VALORACIÓN
E aquí van as preguntas de sempre:
- Se listes o libro: que opinades?, destacariades algo máis?...
- Se non listes o libro: ¿apetécevos lelo?, que opinades?
Graciñas por pasarvos por aquí^^. Espérovos na próxima entrada. Un biquiño :33